
Non fagas nada
A sensación no fondo é de tranquilidade. Ás veces ata un pouco preocupante. Dérao todo, esforzárase o máximo, como quizais con nada na súa vida; mais a realidade dinos moitas veces que non todo depende dun mesmo. Por iso, poida que a preocupación se empezase a reducir. Se despois de todo non foi posible, quizáis nunca o sexa; ou, polo menos, non estea nas súas mans.
O universo fora bastante trasno con el, chegando a parecer que estaba insinuando que abandoase ese camiño. A idea pasáraselle bastantes veces pola súa cabeza, e pese a tratar de evitar ser supersticioso, o certo era que iso facía cadrar o puzzle. Non obstante, podía ser tamén que a trasnada simplemente consistise en probar a súa forza de vontade dunha forma algo cruel.
Así a todo, a súa lóxica semellaba demoledora e impulsábao a seguir a súa decisión con determinación. Era simple, non sabes ou non se che ocorre que facer máis; entón, non fagas nada.