MANIFESTO CONTRA O COMUNICADO DO CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA

XUSTIZA E SOCIEDADE DE GALICIA NON COMPARTE O COMUNICADO DO CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA, E CONSIDERA Á ADMINISTRACION A PRINCIPAL RESPONSABLE DO DETERIORO DO FUNCIONAMENTO DA XUSTIZA E DO EMPORAMENTO DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DE FUNCIONARIOS E DEMÁIS OPERADORES XURÍDICOS.

O lexítimo dereito dos traballadores de xustiza a exercer o seu dereito de folga non pode servir para que a Xunta de Galicia intente xustificar ou desviar a atención das deficiencias dun servicio básico e esencial para a cidadanía.

Non pode ser casualidade que todos os operadores xurídicos, sen excepción, dende funcionarios a xuíces, fiscáis, letrados, procuradores e avogados, estén a mostrar dende fai anos o seu descontento co funcionamento da Administración de Xustiza, e se sucedan ou anuncien mobilizacións, sen resposta algunha.

A pasividade dos responsables da Administración está a permitir unha situación inédita, como é a parálise nos Xulgados dende xa tres meses, cunha folga indefinida que está a causar graves danos na cidadanía e ós profesionais que traballamos para ela.

Sería absolutamente impensable esta situación noutros servizos básicos, como a educación ou a sanidade, o que deixa ás claras o nulo interese da Xunta de Galicia por resolver o conflito, deixando que morra ou se eternice ata que os funcionarios claudiquen asfixiados. Sexamos claros: á Administración dalle igual que un xuízo se suspenda un mes, seis meses ou un ano.

XS non pode ser neutral ante esta situación, e sempre vai estar cos dereitos dos traballadores, que se limitan a tentar recuperar de forma pacífica e exemplar parte do poder adquisitivo e algúns dos dereitos perdidos durante os últimos anos, e a quen lles pedimos o derradeiro esforzo para rematar a folga.

Por certo, e pese o bombardeo informativo en contra dos funcionarios, as suas peticións non difiren un milímetro das que fai uns días os estamentos da xudicatura, fiscalía e letrados de xustiza facían co beneplácito dos medios.

Na nosa opinión, o comunicado do Consello da Avogacía Galega é moi decepcionante, e baixo a escusa de deixar facer e unha falsa neutralidade ante duas partes en clara desvantaxe de forzas, se agacha a tolerancia coa actuación da Administración e unha directa inquina fronte os funcionarios, chegando ó extremo de esixir a ampliación de servizos mínimos, atentando claramente o dereito de folga.

É moi preocupante a falla de solidariedade cun colectivo ó que fai non tanto pedíamoslles o seu apoio fronte a taxas xudiciais e nas reivindicacións polo turno de oficio.

XS pide ás partes en conflito que acudan a unha mediación e cheguen de xeito inmediato a unha solución, ofrecendo o noso apoio e colaboración para unha saída satisfactoria e de futuro para a xustiza galega.

Xustiza e sociedade