Trump é chungo de carallo

Trump é chungo de carallo.

Resulta que é tan chungo de carallo que nega a certeza do cambio climático e afirma que non pode converterse no grande problema mundial…

Ai, non, que ese foi Mariano Rajoy.

Se non é por iso, Tump é chungo de carallo porque ten un plan para expulsar inmigrantes que foi duramente criticado pola ONU…

Ai, non, que a quen criticou a ONU foi a España.

Pero si que é un chungo de carallo porque é un xenófobo que anda dicindo que os inmigrantes están molestando, roubando e delinquindo porque hai unhas leis permisivas.

Ai, non, que quen dixo iso foi García Albiol.

Se non é por iso, Trump é chungo de carallo porque vai pór no seu goberno a creacionistas e ultracatólicos que cren no home do espazo e falan co seu anxo da garda…

Ah, non, que ese foi Rajoy nomeando entre outros a Jorge Fernández Díaz.

Vaia. Pero si que Trump é chungo de carallo porque é un machista que vai por aí dicindo que as mulleres inventan falsas acusacións de violacións e malos tratos, cambia traballo público por sexo ou vai metendo bolígrafos nos escotes das xornalistas…

Ah, non, que eses foron León de la Riva, Baltar e José María Aznar.

Boh, si que é chungo, e moito, e vai ter acceso aos segredos e á maquinaria do Estado para investigar os disidentes e rivais políticos…

Ai, non, que ese foi o ministro do Interior español

Trump é tan chungo de carallo que resulta que é un populista, como Syriza e Podemos.

E circulen.