Twitliortas. Reflexións.

Sobre as pequenas “twitliortas” que estou tendo ultimamente, a miña reflexión.

Creo que un votante de Anova e eu compartimos o 99,9% do ideario. Ou case. E tamén vos digo que eu aceptaría o programa de Anova cos ollos pechos. Sinceramente creo que á inversa tamén pasaría. Facede o exercicio, que eu xa o fixen.

Agora ben, cústame aceptar máis todo o ideario e o discurso de Podemos e de algúns dos seus dirixentes. Así o expreso cando teño ocasión. E un de Anova, se o mira polo miúdo, tamén, creo, sobre todo cando se fala de algunhas cuestións. Exemplos:

A mí lo que me importa es que haya una sanidad pública para todos, que se esté atendiendo en catalán, en euskera, en galego o en castellano para mí es una cuestión secundaria. (Pablo Iglesias nunha entrevista para El País, 17 de xaneiro de 2015)

Ou:

Iglesias: «Podemos es la mejor garantía de la unidad de España»

A última twitliorta veu por afearlle a un senador de En Marea militante de Podemos o feito de falar e escribir só en castelán. Díxeno: para min que a política galega se realizase en galego foi unha conquista. Con imposturas, si, pero unha das poucas conquistas que tivo a normalización lingüística nos últimos 40 anos. Non criticar isto sería, para min, unha renuncia, outra máis sobre a lingua. E xa van moitas.

Pero o que non entendo é que cando criticas Podemos haxa xente que pense que estás atacando Anova / En Marea, que se sinta ofendida ou atacada e despois dun intercambio de pareceres chegan algunhas frases que xa se me repetiron máis dunha vez: “Estás equivocándote de inimigo”, “Normal que o critiques porque ti non os votaches” ou “es un resentido do BNG”.

Quen me coñeza persoalmente sabe que son unha persoa crítica, comigo e co que milito / participo. Tampouco son dos que anda por aí chamando traidores e disidentes aos demais: cada quen fai o que quere segundo o que pensa e cre, e aí nada teño que dicirlle. A maior parte dos meus amigos non vota o que eu, e non só sigo tomando as cervexas con eles, senón que seguen sendo os meus amigos. Que cousas.

Ao que quero chegar é a algo que expresou mellor @sara_te:

Non pasa nada por facer autocrítica: é un bo exercicio.

Se se fai esa autocrítica e aínda así seguimos a discrepar, daquela non teño nada que engadir. Pero eu sigo pensando o mesmo, nesta twitliorta ou noutras que xa tiven.

One clap, two clap, three clap, forty?

By clapping more or less, you can signal to us which stories really stand out.