Que, onde e por que
Cada vez que teño idea de escribir algo para a rede, a modo de reflexión persoal, éntrame a dúbida de onde publicalo. Durante todos os anos que levo partillando artigos na Internet probei practicamente de todo, desde os espazos de MSN (si, aqueles con música), até o Tumblr, onde manteño unha bitácora a modo de blog, non tan actualizada como quixera.
Polo camiño pasaron, entre outros, Blogger e Wordpress. O primeiro serviume para botar a andar diferentes proxectos, mais Wordpress é unha plataforma infinitamente máis potente para proxectos completos, aínda que ao meu ver non tan áxil cando só queres unha páxina en branco na que escribir, sen máis florituras.
É o que quero nestes momentos: unha libreta coas páxinas en branco. Por iso levo unha tempada pensando como reorientar e reorganizar os artigos que teño en liña.
Téntame a idea de pasarme a Medium, darlle unha oportunidade e ver que tal. A súa incuestionábel sinxeleza é un dos aspectos máis positivos que lle vexo, mais disgústame a idea de non ter ferramentas (ou, cando menos, non telas atopado cunha busca rápida), que me permitan importar todo o feito en plataformas anteriores.
Que dicides?