Ñ

Corteime demasiadas veces con anacos de soños rotos. Estrañei todo aquilo que nunca cheguei a ter. Perdín moitas cousas sen saber con seguridade se algún día foran miñas.
Camiñei admirando a paisaxe sen adiviñar a onde me levaría. De vez en cando, deixei que se apoderara de min a morriña. Dubidei demasiadas veces das miñas habilidades. Deixei a porta entreaberta por se o enxeño aparecía.
Caloume os ósos o fresquiño que trae consigo o mencer. Caldeoume a atmosfera o albariño que veu coa noite.
Entendín que un día gris se pode tinguir de cores dependendo de quen camiñe ó teu carón. Souben demasiado pronto o remuíño de emocións que provoca a falta dalgunhas persoas.
Amañeime para descubrir que quen actúa coma unha marioneta será aforcado por aqueles que moven os fíos.
Perseguín a felicidade como o Coiote o facía co Correcamiños. Gañei a carreira cando me din conta de que o único que necesitaba era rodearme de arquitectos de soños, de enxeñeiros de sorrisos.
