Crise dos mísiles

Millán Fernández
2 min readNov 30, 2024

--

Breve columna de opinión aparecida orixinalmente en Nós Diario o 29/11/2024

É ben coñecido pola historiografía o episodio crítico da fase máis álxida da política de bloques no esquema bipolar da Guerra Fría que dispoñía a Teoría do Dominó e pola cal a perda dunha soa peza para Occidente no sueste asiático comportaría a perda da India e Xapón, despois toda Asia e máis adiante Europa. Numerosos documentais ou o hábil cineasta Oliver Stone recrearon os Trece Días onde o mundo se viu ao borde dun Armaggedon nuclear no marco da carreira espacial e tecnolóxico-armamentista da época: os gobernos de Kennedy e de Jrushchov estiveron preto de cruzar a liña sen retorno debido aos sistemas instalados polos soviéticos na Cuba revolucionaria –que garantiron a súa soberanía até hoxe– e en Turquía polos estadounidenses. As mediacións in extremis da ONU e do Papa Xoán XXIII facilitaron a distensión.

Non temos información abonda para afirmar se o nivel de confrontación hogano entre superpotencias chega a tales extremos –daquela fora tamén ideolóxica e de cosmovisións xeopolíticas– mais evoca os acontecementos do noso tempo. A autorización oficial de usar mísiles ATACMS ianquis, Scalp franceses e Storm Shadow británicos manexados por técnicos-militares occidentais para atacar a Federación en profundidade, usando como “plataforma de lanzamento” Ucraína, precipitou a diáfana mensaxe de advertencia da contraparte rusa: o seu alto mando non aceptará de ningún xeito unha derrota estratéxica que comprometa a integridade do Estado nin tampouco as ganancias territoriais de facto, e de iure en Rusia, consolidadas mediante unha guerra de desgaste tendencialmente decantada en favor do Kremlin. A incorporación de armas máis letais e avanzadas ao multi-conflito, que non poden neutralizar as defensas da OTAN, supón a constatación de que a súa primordial natureza é continental-global –non só local– e “garantía” de futura restitución da “esfera de seguridade” violentada desde 2014 tras o rusófobo EuroMaidán e consecuencias. O contrario é deslizarse á hecatombe.

--

--

No responses yet