Redeseño HA! (Parte 1 — O reto)

Oscar Otero
4 min readDec 18, 2017

--

Primeiro post, dunha serie escrita en tempo real, sobre o redeseño da web historia-arte.com

Ver versión traducida a español

Historia/Arte (ou HA!) é un proxecto persoal iniciado por Miguel Calvo, ao que me incorporei o ano pasado. A nosa misión é a de achegar a arte a unha maior audiencia, facéndoa entendible e disfrutable por todos e baixándoa do seu pedestal snob.

Hai 3 motivos polos que decidín unirme a este proxecto. O primeiro é que me apetecía volver facer algo con Miguel, un colega de hai mooooitos anos co que fixera moitas cousas interesantes no pasado, pero facía tempo que non nos xuntabamos nun proxecto. O segundo motivo foi que o tema me interesaba, xa que sempre fun aficionado á arte (de feito, compartín materia de historia da arte con Miguel na nosa época de instituto). E por último, buscaba unha escusa para poñer en práctica determinadas ideas, teorías e experimentos. No día a día, traballando para outros clientes, hai que adaptarse aos seus requirimentos e estándares, polo que ter un (ou varios) proxectos persoais paralelos, a min persoalmente sírveme como válvula de escape.

Inicialmente, o proxecto consistiu nun blog aloxado en wordpress.com, coas vantaxes e inconvenientes que ten iso. Por un lado a facilidade de poñer algo en marcha de xeito rápido e sen practicamente coñecementos tecnolóxicos (Miguel é un gran experto de arte, non tanto da web), pero por outro lado ten as limitacións dunha plataforma cun xeito de funcionar moi característico que deixa pouca marxe para facer algo realmente innovador.

Por iso, nada máis unirme ao proxecto, o primeiro que fixen foi sacar o proxecto de wordpress. Non é que teña nada en contra desa plataforma (aínda que recoñezo que non é a miña favorita), pero existen centos (ou miles) de blogs sobre arte, e Historia/Arte non podía ser un máis.

Tamén tiñamos o problema do nome “Historia/Arte”: demasiado xenérico, sen personalidade. No seu momento, Miguel decidira coller o dominio historia-arte.com contando que sería máis doado de atopar e lembrar polos visitantes. Podíamos aproveitar a mudanza para cambiar tamén o nome, pero tampouco nos interesaba perder o posicionamento que tiñamos con ese dominio así que, como bos galegos indecisos, tiramos por unha solución intermedia, mantendo o mesmo dominio pero dándolle algo máis de personalidade ao nome. Foi así como chegamos a “HA!”, collendo simplemente as iniciais e engadíndolle unha exclamación ao final, o que lle dá un enfoque máis “punk” e reivindicativo, en consonancia con moitos dos contidos da web e incluso coa nosa propia actitude coa arte. Esta onomatopea deixa entrever que a arte non é algo que se poida tomar demasiado en serio, de feito é un bo exercicio rirse dela de vez en cando.

O xeométrico logo de HA!, inspirado nas liñas rectas de Mondrián.

O seguinte paso foi unha reestruturación de contidos. Wordpress é unha plataforma que naceu para crear blogs e, aínda que a súa evolución foi notable, o seu funcionamento sigue influenciado polo concepto de posts, páxinas, etiquetas, categorías, etc. HA! pasou de ser un blog a converterse case nunha enciclopedia. Polo tanto necesitabamos dunha estrutura moito máis profunda de contidos, cun sistema de navegación complexo onde poder buscar por etiquetas, países, pintores, técnicas, correntes artísticas, museos, autores, etc. Así que pasamos bastante tempo mudando, limpando e reordenando os contidos que viñan dunha base de datos de wordpress, para pasalos a outra moito máis granular e estruturada.

Por suposto, tamén cambiamos a interface, creando algo minimalista, en branco e negro e que non se vise demasiado. Realmente, a nivel de deseño foi onde quizais menos esforzos fixen, a grande cantidade de traballo técnico que había que facer (programar a web de cero, crear a nova base de datos, mudar contidos, configurar un novo servidor, etc) fixo que non quedase moito tempo (e forzas) para centrarme no deseño. Ademais coincidiume cun cambio na miña vida laboral e de rutinas diarias co que a cousa aínda se complicaba máis. De todos os xeitos, penso que quedou algo bastante digno, dado o tempo empregado. Sendo unha web chea de obras de arte, non se necesitaba moito para ter unha web atractiva, simplemente había que respectar o contido, dándolle todo o protagonismo, e que a interface non competise con el.

E así levamos un ano dende entón. Un ano no que practicamente multiplicamos por 5 as visitas ao sitio (das 7.000 visitas que había en xaneiro ata as 35.000 de novembro), e ampliouse significativamente o número de colaboradores que se decidiron sumar de xeito desinteresado, escribindo recensións de obras regularmente. Hai que recordar que este é un proxecto levado a cabo no tempo libre e que actualmente non está xerando ningún tipo de ingreso, polo que non podemos pagar as colaboracións, algo que agardamos que se poida solucionar nun futuro. O feito de que aínda así haxa xente que estea disposta a escribir, indica a boa imaxe e simpatía que proxecta e deixa entrever algo que para moitas marcas é crucial: a existencia dunha tribo.

Así que, despois deste ano que podemos considerar exitoso para HA!, creo que é o momento de darlle unha volta. Como deseñador web, teño unha débeda con este proxecto que teño a intención de pagar. E gustaríame documentar todo o proceso de redeseño e implantación cunha serie de posts, explicando as decisións que vaia tomando e valorando o resultado. É unha tarefa arriscada porque non sei que resultado pode dar, nunca fixen nada así. Quizais acabe ben, quizais non, pero creo que é un exercicio interesante, que servirá para evitar relaxarme, cousa bastante probable cando falamos de proxectos persoais onde non hai un cliente no medio esixindo (e pagando).

Veremos a onde nos leva todo isto. De momento, o primeiro paso xa está dado.

--

--