Redeseño HA! (Parte 6 — Artistas e navegación)

Oscar Otero
5 min readMay 28, 2018

--

Sexto post, dunha serie escrita en tempo real, sobre o redeseño da web historia-arte.com

Ver versión traducida al español

Nesta sexta parte quixen avanzar un pouco máis rápido no proceso, polo que estiven traballando na ficha do artista, así como outras páxinas intermedias de navegación.

Actualmente, a ficha dun artista esta composta por unha imaxe (identificada sempre por ter forma circular), unha serie de etiquetas, a biografía e a listaxe de obras das que temos ficha. Neste redeseño abordei algunhas cuestións:

  • Loxicamente, mudar a páxina para o novo sistema de deseño, composto por outras tipografías, espazos, navegación, etc.
  • A diferencia das obras (que cada páxina ten unha cor e layout distinto) e artigos (que tamén teñen un deseño personalizado), para o resto da web quizais un estilo máis homoxéneo, cun layout e cores comúns, funcionaría mellor e daríalle moito máis valor a esas páxinas con tratamento especial.
  • Botaba en falta algún elemento que permitise continuar a navegación ao chegar a un artista, así que engadín unha zona de artistas relacionados, que basicamente son artistas que comparten algunha característica como que pertencen ao mesmo movemento artístico, ou teñen etiquetas comúns.
  • Por último, dado que se trata de amosar a biografía dunha persoa, que mellor xeito de amosar as súas obras que colocalas dentro dunha liña temporal? Deste xeito collen máis relevancia, non só por estaren realizadas por esa persoa, senón tamén por formar parte dun período concreto da súa vida. A idea nun futuro é poder enriquecer esta liña temporal con apuntamentos sobre acontecementos destacados na vida do artista, proporcionando un maior contexto ás obras realizadas.

Así que, a día de hoxe, a páxina está máis ou menos así:

Páxina de artista antes e despois. Non só se distribúen mellor os contidos e os espazos en branco, senón que se inclúe máis información como artistas relacionados ou o uso da liña temporal para amosar as obras ordeadas cronoloxicamente.
Tamén houbo que ter en conta que non todos os artistas dispoñen de biografía ou de obras, polo que se crearon layouts alternativos para estes casos, onde os artistas relacionados aparecen debaixo do título, onde debería estar a biografía.

Listaxe de artistas

Á hora de buscar contido na web partimos de dúas necesidades distintas:

  • Sei o nome do que quero buscar. Neste caso, simplemente se pode empregar o buscador da parte superior dereita (buscador que aínda non está desenvolvido de todo e do que falaremos nun futuro)
  • Non sei o nome, ou prefiro explorar. Para cubrir ese caso de uso, houbo que repensar as páxinas de listaxe de artistas, proporcionándolle ferramentas para poder filtrar e atopar material non coñecido previamente.

Cando un usuario accede á sección de “artistas”, sen empregar o buscador, seguramente sexa porque non está buscando nada en concreto, senón que quere ver o que hai. O ideal sería, polo tanto, amosar suxestións e ofrecerlle ferramentas que lle permita descubrir novos artistas que non coñecía. Por esa razón, pensei nunha ruta de dous pasos:

O máis popular

Na primeira páxina amósase unha listaxe dos artistas máis populares na última semana. Os datos para poder montar esa listaxe veñen directamente de Matomo a ferramenta de código aberto que utilizamos para medir as visitas, e que resulta moito máis respectuoso coa privacidade que Google Analytics. Colocamos unha pequena barra debaixo de cada artista para amosar visualmente o nivel de popularidade que ten:

O ranking dos artistas máis populares neste momento. Desgraciadamente só unha muller no medio de tanto machirulo.

Debaixo deste ranking, temos o botón “Ver todos” que xa nos permite explorar máis en profundidade:

A columna de filtros da esquerda permite diferentes combinacións

Os filtros permiten diferentes combinacións, como por exemplo artistas xaponeses que estean vivos na actualidade, ou artistas italianos da época do romanticismo. Ademais, para non amosar demasiadas opcións, cada filtro ten unha serie de opcións predeterminadas e a opción “Outro…” para velas todas. A idea ademais é que unha vez que selecciones un filtro, a próxima vez xa apareza entre os predeterminados, para que non o teñas que buscar. Por exemplo, se seleccionas o país México, a próxima vez que entres, xa aparecerá México entre os países visibles inicialmente.

Por que non facer o mesmo coas obras?

Pois sería o máis lóxico, dado que tanto os artistas como as obras son as entidades máis importantes da web. Fíxose polo tanto a mesma ruta: primeiro as obras máis populares e despois a listaxe completa cunha serie de filtros.

Listaxe coas obras máis vistas nas últimas 24 horas
Unha vez que entramos na listaxe de obras completa, vemos os filtros ao lado. Existen moitos máis filtros para obras que para artistas, como o museo ou o autor do texto. Neste exemplo filtramos por todas as obras realizadas por mulleres.

Páxinas intermedias de navegación

O resto de páxinas que quedan son de navegación de menor importancia como países, museos, etiquetas, etc. Neste caso creo que o importante é a consistencia entre elas sen intentar ser demasiado “innovador”. Por exemplo, unha etiqueta pode estar presente en obras, artistas e artigos, un país pode ter artistas, obras e museos, un movemento contén artistas e obras… Ao final estamos sempre falando do mesmos, e é importante que se vexan sempre igual.

Por iso o que pensei foi simplemente uns layouts sinxelos onde se vaian poñendo os distintos elementos en pisos. Algúns exemplos:

Páxina da etiqueta “Bronce”, que mostra as 6 primeiras obras e os artistas con esa etiqueta.
A páxina do país “Suíza”, que contén obras, artistas e museos suízos. Ademáis vai acompañada dun mapa onde se ven os museos xeolocalizados
Páxina dun museo, neste caso o Guggenheim de Nova York, con obras e outros museos da mesma cidade.
Páxina dunha técnica, neste caso acrílico. Tamén se inclúe unha imaxe representativa da técnica, xunto con seis obras aleatorias.
Páxina dun movemento artístico (Romanticismo), con imaxe representativa, descripción…
…e na parte inferior obras e artistas representativos deste movemento.

Como se pode ver, todas as páxinas teñen a mesma estrutura e os elementos están colocados do mesmo xeito. Son páxinas que serven de ponte entre outras páxinas. Por exemplo, podemos estar vendo unha obra, clicar no museo no que está exposta, e a continuación saltar a outra obra do mesmo museo. Por iso teñen que ser páxinas predicibles, xa que o importante non é o contido que teñen senón a onde nos poden levar.

E isto foi todo o que dou a sexta parte. Xa solo quedan… catro? cinco? vinte? Non sei, xa veremos :)

--

--