O Experimento Bartual
Nesta sociedade hiper conectada, na que ata existen os refrixeradores domésticos ligados á internet, na da revolución do dous punto cero (e non, por moito que se empeñen os publicistas aínda estamos nela e non na seguinte etapa) mudou o valor da inmediatez. Xa hai anos que as redes sociais irromperon masivamente nas nosas vidas e con elas a ausencia de filtros e o cambio que supón que o xeito de nos informar está cada vez máis no facebook, twitter, whatsapp e demais trebellos deste tipo e menos nos medios convencionais que loitan por se enganchar a un tren que vai moito máis rápido do que directivos (en moitos casos) analfabetos dixitais e empresas cunha estrutura pensada e deseñada noutro século poden dixerir. Así unha das ideas brillantes que nos trouxeron foi o «xornalismo cidadá», ese enxendro bastardo e mentireiro que os medios convencionais inventaron primeiro para alixeirar nóminas e do que agora, cumprida a misión renegan, ata que hai un atentado e botan man de calquera cousa que circule pola rede, así caen en cada vez máis bulos e «fakes».
A estas alturas xa ninguén dubida de que asistimos a un cambio crucial nas nosas vidas, a rede mudou costumes e usos cotiás, amais dos computadores que usamos a diario levamos nos petos aparellos que están sempre conectados, que están «chivando» en cada intre onde estamos e que facemos, recompiladores portátiles de datos, o «big data» é a nova minería de ouro, nós xa non somos capaces de vivir sen conexión e as empresas son cada vez maís adictas a espiarnos para saber o que non lles queremos contar; xa non lembramos máis de dous ou tres números de teléfono e mesmo aparecen novas patoloxías como a nomofobia, o medo a saír sen móbil ou a quedar desconectado.
Asistimos a unha mudanza da sociedade, unha evolución que aínda que moitos aventuran cara onde vai, ata o de agora case ninguén foi quen de predicilo con certeza, imos da sociedade da información á sociedade da postverdade, da sociedade dos medios de masas á das masas mediatizadas e aínda estamos a descubrir cales son os usos e as posibilidades desta sociedade sempre conectada.
Todos sabemos que o usos maioritarios das redes sociais son (permítanme certa retranca) basicamente, presumir do ben que nos vai, do que amamos ao mozo ou moza ou propagar bulos sen fin, tamén ter discusións moi serias que non levan a ningures con xente que non coñecemos, ou con «trolls» que imaxinamos, adolescentes ou iletrados (algo que a realidade descubre falso non poucas veces). É dicir, e isto parece de perogrullo, as redes replican ciberneticamente (Shannon e Weaver mediante) as relacións humanas do mundo real, aínda que como ben sinalaron estes dous señores, aquí entra o ruído como factor distorsionador da comunicación, cousa moi presente en internet.
Aínda que o mundo vai apresa, moi apresa de feito, e xa nin lembramos en que ano chegaron as redes as nosa vidas, foi hai relativamente pouco tempo, porén, o uso que lles damos tende a adaptar o que xa coñecemos ou sabemos a unha canle nova, mais esta nova canle representa unha evolución do xeito de nos comunicar, do mesmo xeito que o cinema de ficción encarnou unha evolución do teatro a outro medio, e porén o desenvolvemento dunha nova linguaxe formal, dunha gramática; tomou o seu propio camiño aproveitando cousas que xa existían, o cinema de ficción non é teatro filmado, é outra cousa, outra canle que nace da evolución de medios anteriores para acadar súa propia forma e identidade discursiva.
A importancia comunicativa do «experimento Bartual» non está na calidade literaria do relato, nin na serialización, nin sequera no uso combinado de texto escrito, fotos e vídeos, senón en todo isto ao mesmo tempo, Bartual foi quen de aproveitar as potencialidades da nova canle sen replicar modelos antigos (xa houbo que publicou unha novela por entregas en twitter) senón evolucionando eses modelos, entendendo as peculiaridades da rede e aproveitandoas para crear unha obra nova, que se fixo viral en horas e chegou a ser 6º TT mundial. A importancia estriba en que acadou ese enganchamento (engadgement) que tanto buscan as estratexias do marketing e de redes coma facebook, que é cada vez máis difícil porque xa case coñecemos todos os trucos dos publicistas. Bartual acadou entón o soño húmido de calquera publicista, de calquera comunicador na selva que é a sociedade da información nesta era da postverdade, interesar a milleiros de persoas na súa historia, sen ensinar señoras en bikinis minúsculos ou señores con corpos esculpidos e suorosos, e chegar deste xeito a públicos aos que non lle interesaba nada do que fai Bartual. No tempo que eu tardei en escribir este texto, xa se meteron na historia futbolistas coma Pique ou Casillas, a Garda Civil, netflix España e hai un trailer da historia feito por un seguidor de twitter, ate Nacho Vigalondo cambiou o seu avatar na rede do paxariño para replicar o de Manuel Bartual, un xeito de retroalimentación que xa veremos onde para. Polo momento Bartual multiplicou os seus seguidores en twitter por 25 en apenas horas, e acadou algo que cada vez é máis habitual, pero aínda difícil, que os medios convencionais boten man de contidos creados exclusivamente para a rede, e non ao revés.
Como xa dixen, penso que non foi a importancia literaria do relato nin a historia, foi a «serialización inmediata» a construcción en escaleira da historia e a capacidade de multiplicación exponencial das redes o que fixo que a historia das vacacións deste autor de banda deseñada tivera un alcance de impactos que ata o de agora so estaba nos youtubers máis mediáticos ou no presidente tolo que nos escolleron os ianquis. De feito xa hai algún youtuber menosprezando esta obra de Bartual, no que parece un claro ataque de envexa dun deses que estaban proclamados revolucionadores da comunicación nas redes graal que en xeral non pasan de facer un pouco o parvo apoiados pola multinacional dos vídeos, que decide cos seus algoritmos o que hai que consumir en cada momento.
Non sei si alguén fixera un experimento deste tipo, como xa dixen, sei de novelas troceadas en anacos de 140 caracteres e de outros experimentos que se fixeron virais en apenas horas, lembro en concreto un rumor sobre unha guerra en Portugal, e tal vez podemos considerar certos artigos de Inda como experimentos da postverdade, o que antes se chamaba mentira sensacionalista e que agora chamamos clickbait. O valor do «experimento Bartual» é que é un creador que ven doutros medios, doutras canles, mais soubo dar cun xeito propio do twitter que veremos canto tarda en replicar algunha marca comercial. Tamén haberá que ver si acada o santo graal das novas canles, a monetización, polo de agora xa foi quen de xerar unha onda de replicas, artigos, adoradores e odiadores, mais por riba de todo, de chegar a moita máis xente, potenciais «clientes» do que fai, que non é pouco.
