O Organsound ou a aproximación ao son perfecto

Tek-Fest
5 min readSep 21, 2017

--

Quería reproducir fielmente os sons da natureza e a música e, no seu empeño, o inventor Juan Portela Seijo creou un altofalante de capacidade ilimitada en canto á potencia e á calidade do son.

Publicidade da época do altofalante Organ Sound de Portela Seijo

Nun tempo no que a tecnoloxía ás veces camiña máis rápido do que podemos asumir, resulta gratificante descubrir un invento feito hai xa moitos anos, co encanto que teñen as cousas insólitas e coa capacidade de causar un impacto mesmo emocional. O Organsound de Juan Portela Seijo (Compostela, 1913–1989) ten todo iso, co engadido de que ata o de agora pouca xente coñecía a invento e a inventor.

Falemos primeiro do pai da criatura, un dos irmáns Portela Seijo, galegos pioneiros da acústica e a electrónica. O outro irmán, José, inventou o magnetófono de fío (1942) e mesmo Phillips estivo daquela interesada na patente, que el non quixo vender. Entre os dous irmáns rexistraron varios inventos, pero foi Juan quen, obsesionado polos sons, para el perfectos, da música e a natureza, inventou na década dos 60, a base de física e acústica e coa inspiración do órgano da Catedral de Santiago, o Organsound.

O Organsound é un altofalante que consegue a separación total dos sons, tanto a un volume extremadamente baixo como altísimo, xerando unha sensación envolvente e orquestral na que non se perden harmónicos nin se introducen ruídos. En liñas xerais, á vista, é unha caixa con tubos. Pero cada tubo ten unha dimensión que se corresponde cun rango de frecuencia. É como se cada unha desas frecuencias atopase un camiño axeitado para expandirse.

Un frechazo que xorde nunha trastenda

A experiencia que proporciona un destes altofalantes édifícil de explicar por escrito. Pode soar tópico, pero hai que escoitalo para poder entender a magnitude da marabilla ideada por este compostelán inquieto. Foi hai catro anos cando o creador audiovisual Xes Chapela descubriu o seu son na trastenda da tenda que Portela Seijo tiña en Santiago de Compostela. Nese momento chamou o seu amigo Toño Cabanelas, enxeñeiro sonoro, que se marabillou aínda máis se cabe co Organsound, e ambos decidiron renderlle homenaxe cunha performance que formou parte do proxecto Exploradores, no que tamén se reivindicaban outros inventos dos Portela Seijo como o magnetófono de fíos de aceiro, mesturando o seu son coa electrónica máis vanguardista.

Este año celébrase a segunda edición do Tek-Fest de Pontevedra, un festival de tecnoloxías emergentes cuxo director artístico é Cabanelas. Nun año no que o evento se dedica á unión entre tecnoloxía e patrimonio, propúxose homenaxear aos “tekis”, os pioneiros galegos da tecnoloxía, reivindicando a figura de Portela Seijo e en especial do seu gran invento, o Organsound. E é aí cando a homenaxe se converte nalgo máis. Por suposto, imos escoitar o antigo Organsound, mais qué pasa se creamos un novo?, pensou Toño Cabanelas, por qué non darlle unha nova vida a un invento que aínda non ten rival no que a acústica e a deseño se refire?

E é así como Cabanelas pensou no artista e tecnólogo Miguel Espada, do estudio Espadaysantacruz, para compartir con el este pequeno segredo e veren xuntos qué podían facer con el no festival. Ao principio pensaron en restauralo, pero para qué, se os exemplares que quedan funcionan perfectamente. E axiña chegaron á idea de redeseñalo, darlle unha estética moderna aínda que inspirada no orixinal, do mesmo xeito que nos años 60 o Organsound imitaba a estética da época, facendo o mesmo para 2017. O plan estaba en marcha. Cabanelas eEspada púñanse a traballar no novo Organsound, coa idea de presentalo en sociedad no Tek-Fest, cun padrino de luxo, Víktor Flores DJ, poñendo música para a primera escoita en primicia no Museo de Pontevedra, e a complicidade de Yago Portela, fillo do inventor, que é o primero en compartir e contaxiar o entusiasmo pola outra ‘criatura’ de seu pai.

O Organ Sound orixinal e un altofalante de alta gama na demostración realizada no WOS

No festival Wos de Santiago de Compostela tivemos hai uns días a presentación de todo o que se fará co Organ Sound no Tek-Fest de Pontevedra, pero tamén a ocasión de desfrutar desa demostración. Escoitamos música clásica, ópera, zarzuela, rock, música electrónica… a todos os volumes posibles, no Organ Sound e nun bafle de alta gama, de xeito alternativo.

A primeira sensación foi sen dúbida de impacto, de pel de galiña, da emoción que dá escoitar algo coñecido como se fora a primeira vez que un o escoita, pero con matices e texturas nunca ouvidas e coa sensación de estar rodeado por todos os instrumentos e voces. Despois do Organ Sound faise difícil admitir no ouvido a incuestionable calidade do competidor contemporáneo, que de súpeto resulta cheo de carencias. Pero hai que ser honestos: a competición non é entre iguais.

O novo camiño do Organ Sound

Agora chega o tempo de darlle unha oportunidade ao novo Organ Sound. Miguel Espada leva tempo traballando na contextualización do deseño para a cita do Tek-Fest, que no orixinal segue o estilo dos mobles de salón do momento. En canto ao son, o reto está no medio prazo: hai que traballar nos materiais, compoñentes e acústica, igual que no seu día fixo o pai do orixinal, para acadar ese nivel de excelencia.

E pensando niso, en todos os cálculos, notas, ensaios e erros que implica todo invento e innovación, non é difícil imaxinarse a Juan Portela Seijo, facendo e desfacendo no seu Laboratorio Radio Ondas. E un case o pode escoitar:

“-Señor Portela, segue vostede buscando?

-Cada día. Escoite: chove nas amendoeiras”

Un son exquisito que seguro soaba perfecto a través do seu Organ Sound.

�

--

--

Tek-Fest

Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio. Pontevedra.