A Declaración de Roma

As e os dirixentes dos 27 estados membros e das institucións europeas estamos orgullosas do que leva conseguido a Unión Europea: a construción da unidade europea é un empeño valente e de longo percorrido. Hai sesenta anos, cando nos recuperabamos da traxedia das dúas guerras mundiais, decidimos vencellarnos mutuamente e reconstruír o noso continente sobre as súas borrallas. Fixemos unha Unión única, con institucións comúns e valores fortes, unha comunidade de paz, liberdade, democracia, dereitos humanos e rexida pola lei; un poder económico de importancia primordial con niveis de protección social e benestar que non teñen comparanza.

A unidade europea comezou como o soño duns poucos e transformouse na esperanza para moitos. E Europa volveu ser unha, de novo. Hoxe estamos unidos e somos máis fortes: centos de millóns de persoas de todos os recantos de Europa beneficiámonos de vivir nunha Europa extensa que pasou por riba das antigas divisións.

A Unión Europea enfróntase a novos retos, tanto globais como domésticos: os conflitos rexionais, o terrorismo, a crecente presión migratoria, o proteccionismo, e as desigualdades sociais e económicas. Xuntas, temos o propósito de defrontar os retos dun mundo en rápido cambio e de ofrecerlle á cidadanía seguridade e novas oportunidades.

Faremos unha Unión Europea máis forte e máis resiliente grazas a unha unidade e unha solidariedade interna aínda maiores, e grazas ao respecto das regras comúns. A unidade é unha necesidade, pero tamén o noso libre desexo. Se fósemos cadaquén pola nosa conta quedaríamos á marxe das dinámicas globais. Estarmos xuntos é maior oportunidade que temos de influír nesas dinámicas e de defendermos os nosos intereses e valores comúns. Actuaremos xuntos, con distintos ritmos e intensidades cando cumpra, camiñando na mesma dirección como fixemos no pasado, conforme os Tratados, e deixándolles a porta aberta aos que queiran unirse a nós máis adiante. A nosa Unión é única e indivisible.

Para os vindeiros dez anos queremos unha Unión segura, próspera, competitiva, sustentable e socialmente responsable, con capacidade e vontade de representar un papel crucial no mundo e de modelar a globalización. Queremos unha Unión onde os cidadáns teñan novas oportunidades para o desenvolvemento cultural e social e o crecemento económico; unha Unión que fique aberta aos países europeos que respectan os nosos valores e que se comprometan a promovelos.

Nestes tempos de mudanza, conscientes das preocupacións da nosa cidadanía, compremetémonos co Programa de Roma e prometemos traballar por:

  1. Unha Europa segura: unha Unión onde toda a cidadanía se sinta segura e poida moverse con liberdade, que teña unhas fronteiras exteriores protexidas, cunha política migratoria eficiente, responsable e sustentable e que respecte as normas internacionais; unha Europa comprometida a loitar contra o terrorismo e a delincuencia organizada.
  2. Unha Europa próspera e sustentable: unha Unión que xere crecemento e empregos; unha Unión onde un Mercado Único forte, conectado e en continuo desenvolvemento, abra vías para o crecemento económico, a cohesión, a competitividade, a innovación e o intercambio, especialmente para as empresas pequenas e medianas, grazas a unha aposta pola transformación tecnolóxica e por unha moeda única estable e aínda máis forte; unha Unión que promova un crecemento sostido e sustentable mediante o investimento, as reformas estruturais e que traballe para completar a Unión Económica e Monetaria; unha Unión onde as economías converxan; unha Unión onde a enerxía sexa segura, e asequible, e o ambiente limpo e seguro..
  3. Unha Europa social: unha Unión que, grazas ao crecemento sustentable, promova o progreso económico e social e mais a cohesión e a converxencia, e que defenda a integridade do mercado interno; unha Unión que teña en conta a diversidade dos sistemas nacionais e o rol fundamental das organizacións sociais; unha Unión que promova a igualdade entre as mulleres e os homes, así como dereitos e oportunidades iguais para todos e todas; unha Unión que combata o desemprego, a discriminación, a exclusión social e a pobreza; unha Unión onde a mocidade reciba a mellor educación e a mellor formación profesional posible, e onde poida estudar e atopar un traballo en calquera parte do continente; unha Unión que preserve o patrimonio común e que promova a diversidade cultural.
  4. Unha Europa máis forte no escenario global: unha Unión que desenvolva aínda máis os acordos de asociación con outros países, que constrúa outros novos, e que promova estabilidade e prosperidade nos seus veciños máis próximos ao leste e ao sur, pero tamén no Oriente Medio e en toda África, e globalmente; unha Unión que estea preparada para tomar novas responsabilidades e para axudar a crear unha industria de defensa máis competitiva e máis integrada; unha Unión comprometida a reforzar a súa defensa e seguridade comúns, en cooperación e complementariedade coa Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), tendo en conta as circunstancias nacionais e os compromisos xurídicos; unha Unión participante nas Nacións Unidas e comprometida cun sistema multilateral de dereito, orgullosa dos seus valores e protectora das súas xentes, que promova o comercio libre e xusto, e unha política climática global positiva.

Perseguimos estes obxectivos, na crenza firme de que o futuro de Europa descansa nas nosas mans e de que a Unión Europea é o mellor instrumento para conseguirmos estes obxectivos. Prometemos escoitar e responder as preocupacións expresadas pola cidadanía, e cooperaremos cos nosos parlamentos nacionais. Traballaremos xuntos no nivel en que haxa que facelo para conseguir os nosos obxectivos, tanto no nivel comunitario como nacional, rexional ou local, cun espírito de confianza e cooperación leal, tanto entre os estados membros como entre eles e as institucións europeas, conforme co principio de subsidariedade. E deixaremos a marxe de manobra que cumpra en todos eses distintos niveis para reforzar a innovación de Ruropa e o seu crecemento potencial. Queremos unha Unión que sexa grande nas grandes cousas, e pequena coas pequenas cousas. Promoveremos procesos de toma de decisións democráticos, eficaces e transparentes, e unha mellor aplicación das políticas.

Como líderes, traballando xuntos dentro do Consello Europeo e nas nosas institucións, faremos para que esta lista de tarefas de hoxe se poña en práctica para que se convirta na realidade de mañá. Ben deita que estamos unidos. Europa é o noso futuro común.

Like what you read? Give Xabier Cid a round of applause.

From a quick cheer to a standing ovation, clap to show how much you enjoyed this story.