Tempo de canallas

(Táboa Redonda, n° 70)

En 1944, unha película perturbou aos membros do Comité de Actividades Antiamericanas, que solicitaron o testemuño supostamente experto da novelista (?) e filósofa (??) máis individualista e egoísta do laissez faire, Ayn Rand. Rand axiña identificou a eiva imperdoable do filme: os rusos aparecían rindo. “É un dos trucos máis correntes da propaganda comunista: mostrar aos rusos sorrindo”, dixo. A anécdota cóntaa o historiador e xornalista estadounidense Garry Wills no limiar a Tempo de canallas, a lembranza que fai Lilliam Hellman da súa comparecencia ante o Comité: lúcida e demoledora denuncia da covardía colectiva e as mentiras do poder que foron o macartismo e a caza de bruxas comunistas (calquera máis á esquerda de William F. Buckley fillo).

A historia da censura é a historia universal da parvada pandémica sen data de caducidade: o mesmo ten que rían os rusos nas películas, que un monicreque amose unha pancarta (“Gora Alka-ETA”), que un músico tuitee “fantochadas dialécticas” ou “discursos de odio”, ou que un concelleiro faga chistes máis ou menos negros, máis ou menos ruíns, sobre xudeus: todo o mundo é desleal á PATRIA ata que se demostre o contrario. Así comezan as cruzadas que rematan en inquisicións.

E dese mesmo xeito, advirte Wills, “créanse dúas clases de cidadáns: os leais, cunha doutrina pura, e os que, sen violar ningunha lei, son considerados antinorteamericanos, porque o seu norteamericanismo non é dabondo”.

Contra toda esa idiocia (“pura merda liberal”, chamaríalle Dashiell Hammett, parella durante anos de Hellman: modelo para a Nora Charles de O home delgado), a dramaturga non se armou con ideoloxía, senón cunha decencia e afouteza que deixaron en evidencia aos seus acusadores e converteron as súas preguntas moitas veces en ridículas. Ela recorda así aqueles días acedos e aquela xente mesquiña: “Os senadores McCarty e McCarran, os deputados Nixon, Walter e Wood, todos eran o que eran: homes que mentían cando crían necesario mentir e que calumniaban aínda cando non era preciso calumniar. Dubido que cresen en moito do que dicían; posiblemente non cresen en nada”. O xornal de onte non é tan de hoxe.

Show your support

Clapping shows how much you appreciated Xurxo Chapela’s story.