Galicia ❤️ a BEAM

As incribles contribucións galegas ao ecosistema de Erlang

Pablo Costas Sánchez
Erlang Battleground
12 min readJul 13, 2021

--

Todos coñecemos os focos de Erlang/Elixir máis renomeados do mundo, como a Suecia, o Brasil, a California ou Londres. Mais a comunidade, aínda que non é enorme, está moi espallada. Hoxe, queremos celebrar a pequena rexión que é fogar de tantas asombrosas contribucións ao noso querido ecosistema. O lugar de nacemento dos meus devanceiros: Galicia!

A outra cuncha que tanto nos gusta 🥰

Así pois, neste pouco habitual estilo (un artigo que asemella unha entrevista e cunha colaboración bilingüe), imos presentar 4 dos tantos galegos e galegas que tiveron un profundo impacto na linguaxe e na xente que traballa con ela…

Laura M. Castro

Laura

Ghuapo, ghuapo non é… pero ten uns procesos!!!

conseguiu o seu primeiro “traballo” en Erlang (foron unhas prácticas no verán do seu cuarto ano de carreira) porque tras ter cursado unha materia optativa chamada “Programación Funcional” onde aprendeu a linguaxe, non podía parar de falarlles aos seus compañeiros das súas marabillas. Fascinada polo doado que era traballar con múltiples procesos, varios nodos e… recargando código sen ter que deter o sistema!!

Un día, estando no local dos representantes de estudantes (dos que formaba parte), alguén chamou para ofrecer esas prácticas. En canto mencionaron “funcional” e mais “Erlang”, alguén lle pasou o teléfono sen mediar máis palabra.

Grazas a esa oportunidade, o curso seguinte fixo o seu Proxecto de Fin de Carreira explorando como se poderían “simular” obxectos (por aquela a POO comezaba a arrasar) en Erlang (usando estruturas, usando procesos). Ese PFC levouna a participar no desenvolvemento dun sistema de avaliación de riscos para unha gran multinacional que tiña o seu backend escrito por completo en Erlang. Chegaron os primeiros artigos á Erlang Workshop contando a experiencia e sentiu curiosidade polo mundo da academia. Comezou a colaborar en tarefas de investigación, converteuse en profesora axudante, doutorouse… e o resto xa é historia!

Como deches os teus primeiros pasos no ecosistema de Erlang?

Máis alá de usar a linguaxe e ler as listas de correo, a miña entrada na comunidade coincidiu coas miñas estadías predoutorais na Suecia, da man de Thomas Arts (hoxe Quviq AB). Estando en Göteborg era doado desprazarse a Estocolmo, o lugar onde todo comezou! As Erlang User Conferences axudáronme a lle pór cara aos nomes e unha cousa levou á outra.

Que é o que máis te motivou a contribuír á comunidade?

Sempre fun (incluso antes de coñecer Erlang!) unha convencida defensora do software libre, así que contribuír, para min, está na alma do traballo do desenvolvemento de software.

Prowess

Unha das múltiples contribucións de á comunidade é a súa participación no Prowess Project. Unha iniciativa na que, durante tres anos, empresas e universidades de varios países europeos investigaron sobre xeitos e ferramentas de mellorar a calidade dos servizos web. Produciron unha chea de librarías en Erlang en código aberto.

Dime algo que destaque sobre Prowess

O traballo que se fixo, man a man, entre empresas e universidades intentando deseñar ferramentas útiles para a comunidade.

Como pode a xente participar, axudar ou simplemente aprender máis sobre o proxecto?

Follow the code! Hai artigos, presentacións en Erlang Factories, Erlang User Conferences, Erlang Workshops…

Cal é o teu consello para seguinte xeración de BEAMers galeg@s?

Eu non empecei a programar con 10 anos. Cheguei á universidade sabendo escribir un procesador de textos e pouco máis. Tiña a sensación de que todo o mundo me levaba moita vantaxe.
Pero a programación funcional era descoñecida para a gran maioría (e segue séndoo, aínda que cada vez menos). Alén de me gustar, sentín que se me especializaba nela, seríame máis doado destacar, diferenciarme. Que podería conectar con outras persoas cunha sensibilidade semellante.
Non me trabuquei.
Miña nai sempre dixo: “Vale máis ser cabeza de rato, que rabo de león!”

Pablo Costas Sanchez

(si, sonche eu… tes algún problema? 😎)

Pablo

Se ten que errar, que erre!

Para , todo comezou na universidade: a maioría das súas materias estaban orientadas a Java e a outras linguaxes imperativas, das que el gostaba, mais nunca até este punto. Por sorte, tamén lle ensinaron os principios básicos da programación funcional e máis adiante, na materia de Concorrencia e Paralelismo tivo unha tarefa en Erlang. A linguaxe pareceulle tan curiosa e interesante que acabou preguntándolle ao seu profesor por un libro co que poder aprender máis. Javier París, o seu profesor, recomendoulle Programming in Erlang by Joe Armstrong. Pablo leu o libro de vez e ese momento definiu o seu amor pola linguaxe.

Despois tivo unha materia impartida por , aínda que esta en Elixir, que foi tan divertida e práctica que Pablo rematou por participar cun amigo na edición dese ano do SpawnFest. Tras iso, el xa sabía que necesitaba que Laura lle dirixira o seu Traballo de Fin de Grao. Un ano máis tarde, ela propúxolle a idea de paralelizar PropEr, que lle gustou. Uns meses máis tarde, tras moito traballo e certas chamadas con Kostis Sagonas, PropEr contaba con execucións paralelas e distribuídas!

Como deches os teus primeiros pasos no ecosistema de Erlang?

Metinme na comunidade porque tiven unha incrible experiencia durante os Lambda Days 2020 na Cracovia, onde coñecín a Peer, Alistair, Rick e máis xente (aínda lles debo unha cea) e decidín que quería axudar a continuar medrando a comunidade e mantela tan guai como é. Conseguín a miña oportunidade para facer isto cando pediu axuda para organizar o SpawnFest, ao que os meus máis riquiños amigos , Paulo Ferraz Oliveira e Filipe Varjão tamén se apuntaron.

Que é o que máis te motivou a contribuír á comunidade?

Ser parte dunha comunidade implica aportar o que poidas cando sexa posible. Eu considero esto certo tanto para o mundo do software libre do que todos dependemos como para os ecosistemas, como é o caso da comunidade da BEAM. Tendo iso en conta, o seguinte paso era axudar en si :)

SpawnFest

SpawnFest é unha competición anual sobre desenvolvemento de software que dura 48h e na que equipos de tódalas partes do mundo teñen exactamente unha fin de semana para crear as mellores aplicacións baseadas na BEAM que poidan. A participación no SpawnFest é de balde (completamente gratis) e tódalas linguaxes da BEAM son benvidas!

Este ano, o evento é organizado por The Fellowship of the BEAM (irmandade da que, por suposto, é membro).

Dime algo que destaque sobre o SpawnFest

Ver a xente de todas partes da comunidade xuntarse para crear estas asombrosas ideas é moi inspirador 💜

Como pode a xente participar, axudar ou simplemente aprender máis sobre o proxecto?

Apuntádevos ao evento se non o fixestes aínda! Podedes rexistrarvos pola vosa conta, con amigos ou pedir que vos emparellemos cun equipo; esperamos vervos alí!

Cal é o teu consello para seguinte xeración de BEAMers galeg@s?

Antes de nada, benvid@s ao clube da xente guai ;)
Agora en serio, se vos gusta a BEAM, xa sexa por Erlang ou por Elixir, tendes empresas de sobra e traballos dabondo: hai unha empresa en Coruña mesmamente e se non, hoxe en día, a gran maioría aceptan traballo remoto, así podedes ver mundo se queredes ou seguir disfrutando das terras galegas.
En calqueira caso, se tendes dúbidas, poñédevos en contacto :)

Brujo Benavides

Brujo

Fai que funcione, logo faino bonito e, se realmente o necesitas, faino rápido. O 90 por cento das veces, se o fas fermoso, xa será rápido. Entón, realmente, simplemente faino bonito!

comezou a escribir código cando tiña só 10 anos, nunha Commodore, na escola; e dende entón, non parou. Pasou de BASIC a QBasic, e despois a Visual Basic e .NET… até que atopou Haskell e Smalltak na universidade. Por entón, Novamens buscaba alguén con ganas de aprender Erlang para desenvolver un servidor VoIP na linguaxe. Brujo namorou inmediatamente dela e uns anos máis tarde, despois de unirse a Inaka, xa estaba a dar a súa primeira charla na Erlang Factory SF en 2012 e respondendo a preguntas do propio Joe Armstrong. 🤯

Como deches os teus primeiros pasos no ecosistema de Erlang?

A cultura dos sempre estivo intrinsecamente relacionada co mundo do código aberto e, polo tal, contribuiamos a moitos pero que moitos proxectos, ferramentas e librarías que seguimos a manter hoxe en día, mesmo se a compañía se disolveu no 2017.
Despois de unirme a , tomei a maiores o rol de trainer e tiven a honra de ensinar algunhas leccións con , entre outros.

Comecei a escribir este blog no 2016, principalmente para recolectar as anéctodas graciosas da miña experiencia coa linguaxe, pero creceu a moito máis que iso. Por todo isto, cando se fundou a Erlang Ecosystem Foundation… sabía que me tiña que unir!

Hoxe en día traballo en NextRoll (anteriormente coñecida como ), unha compañía que ten unha cultura espléndida e que nos da a min e mais aos meus compañeiros moitas oportunidades de seguir aportando contribucións á comunidade, particularmente creando ferramentas de desenvolvemento e titorizando xente.

Que é o que máis te motivou a contribuír á comunidade?

Son un gran fan do código aberto, en xeral. Usamos moitísimo software libre no día a día, cada segundo… E se temos a oportunidade de facer contribucións á xente que o desenvolveu e de compartilo con máis xente que pode querer empregar as nosas ferramentas, eu creo que deberiamos facelo.
Agora ben, e particularmente para o ecosistema de Erlang, esta é unha comunidade que me acolleu cos brazos abertos cando eu non era máis que un amante do mate das lonxanas terras do sur. Naquela época, foi algo completamente inesperado para min e valoreino moito, abofé. Fixo as miñas ansias por contribuír aínda máis fortes e segue a facelo hoxe en día. Máis recentemente, estiven a desenvolver ferramentas para Erlang (como o formatter, hank, elvis, etc) porque sentín que eran as cousas que máis necesitaban os desenvolvedores de Erlang.

Hank

rebar3_hank é un detector de código oxbow. A ferramenta axúdache a desfacerte dese código morto que amola os teus proxectos, como macros non usadas, campos de rexistros sen empregar, e outras cousas desagradables…

Foi desenvolvido e é mantido por , e mais … e proximamente terá unha publicación científica, escrita por e para o Erlang Workshop da próxima ICFP 2021.

Dime algo que destaque sobre Hank

A mellor cousa sobre Hank é que é unha ferramenta que outras linguaxes non teñen! Pode que sexa, xa postos, a primeira vez en moito tempo que se pode facer algo co código en Erlang que non se poda facer nos proxectos de Elixir. 😎
A maiores, dende unha perspectiva xa máis persoal, abríume as portas á comunidade científica. Fomos capaces de escribir unha publicación científica sobre Hank, o que lle deu a este pequeno proxecto que se fixo nunha semana de hackeo un nivel de clase e elegancia que outras ferramentas non teñen. Agora pode sentarse na mesa dos adultos, xunto con Dialyzer, RefactorErl, and outros.

Como pode a xente participar, axudar ou simplemente aprender máis sobre o proxecto?

Úsao! Encontra erros e repórtaos.
E, obviamente, mandade tódalas PRs a https://github.com/AdRoll/rebar3_hank

Cal é o teu consello para seguinte xeración de BEAMers galeg@s?

O mundo da BEAM non é sinxelo para os que acaban de chegar, iso é ben certo. Non escasean os bos traballos, pero a maioría deles requiren de certo nivel de experiencia e coñecemento que impide que os estudantes ou recén graduados ingresen fácilmente.
Porén, estanse a realizar esforzos para superar esta fenda. Empresas como ou teñen programas de capacitación que poden axudarvos a obter a experiencia desexada, e non están soas. Pero é certo que as oportunidades laborais non xorden en tódolos rincóns, como ocorre noutras linguaxes.
Por outra banda, unha vez que se consegue un traballo nun proxecto baseado na BEAM, non hai volta atrás. Nada se asemellará a esa experiencia. Non necesitades confiar na miña palabra, basta con simplemente observar cantas linguaxes están a agregar soporte para modelo de actores, pattern-matching, árbores de supervisión, deep tracing… Todas estas cousas, Erlang xa as tiña cando o coñecín eu fai máis dunha década… Garantízovos que, unha vez teñan todas estas ferramentas a vosa disposición, ides querer usalas onde queira que vaian.
En poucas palabras: conseguir o primeiro traballo con Erlang ou Elixir pode ser un desafío, pero é un que realmente paga a pena!
E unha forma realmente xenial e divertida de comezar ese proceso é participando no SpawnFest e/ou solicitando unha bolsa de estudos da EEF.

Miriam Pena

Miriam

“nunca choveu que non escampara”

(repetir para si cando as cousas rompen en producción)

é unha enxeñeira informática, graduada na Universidade da Coruña, moi apaixonada polo desenvolvemento de sistemas informáticos distribuídos entre continentes capaces de soportar millóns de usuarios e usuarios simultaneamente. Ten traballado como especialista en Erlang ao redor do mundo, incluíndo na Suecia, no Exipto, nos Estados Unidos de América, na Irlanda e na España.

Fai dous anos, fundou, xunto con máis líderes das comunidades de Erlang e Elixir, unha asociación sen ánimo de lucro chamada Erlang Ecosystem Foundation, baseada na California. é membro do consello administrativo da asociación e tamén lidera o seu grupo de traballo de Educación. Esta asociación sen ánimo de lucro ten como obxectivo promover as tecnoloxías e as linguaxes, como Erlang e Elixir, que están baseadas na máquina virtual de Erlang.

Foi galardoada co premio Ada Byron en 2018 polo Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia e forma parte da lista de Inspiring Female Staff Engineers to Watch do mesmo ano. Este recoñecemento levouna a dedicarse a ser máis visible e a alentar a outras mulleres a meterse no mundo da tecnoloxía.

Dende o 2015, traballa en NextRoll, unha compañía de marketing, en San Francisco, onde tamén está ao cargo de deseñar e implementar partes críticas do sistema de recolección de datos en tempo real usado nos seus produtos.

Como deches os teus primeiros pasos no ecosistema de Erlang?

A miña primeira práctica en empresa foi en Igalia, onde me adicaba a desenvolver un switch V-LAN en Erlang. Despois fixen o meu PFC estendendo o anterior proxecto para mellorarlle o rendemento. Pouquiño a pouquiño, fun namorándome do ecosistema. Máis tarde, en Nomasystems, desenvolvín o meu primeiro sistema altamente concorrente en produción, traballando en enerxías renovábeis, redes sociais e sistemas de telecomunicacións… e xa non podía parar…

Que é o que máis te motivou a contribuír á comunidade?

Eu creo profundamente no potencial do ecosistema de Erlang e Elixir e na comunidade de desenvolvedores e desenvolvedoras que forman parte dela.

A Erlang Ecosystem Foundation

A EEF ten un claro propósito: medrar e apoiar á comunidade ao redor do ecosistema de Erlang e Elixir para que sexa diversa e continúe a desenvolver tecnoloxías e proxectos en código aberto baseados nas linguaxes do ecosistema e no seu runtime.

Dime algo que destaque sobre a EEF

Dende a miña perspectiva, é o duro traballo que estou a facer para aumentar a diversidade na comunidade e por esta razón (coa colaboración do grupo de Educación) estamos promovento iniciativas que aumentan o número de usuarios das linguaxes ao redor do mundo. Recentemente, estamos a traballar de forma colaborativa coas conferencias e talleres para facilitarlle a entrada gratuíta tanto a estudantes como a grupos pouco representados no mundo da tecnoloxía.

Como pode a xente participar, axudar ou simplemente aprender máis sobre o proxecto?

O mellor que se pode facer é simplemente unirse ao slack da asociación e pórse en contacto connosco.

Cal é o teu consello para seguinte xeración de BEAMers galeg@s?

Animaríaas e animaríaos a probar a programar en Elixir, xa que ten unha gran comunidade, boa documentación e unha alta demanda de traballo ben pagado (especialmente en remoto). As aplicacións escritas na BEAM escalan moi fácilmente e son fiables. A maiores, aprender a programar na BEAM vaiche facer programar mellor noutras linguaxes.

, , e certamente non son os únicos. Hai moita máis xente de Galiza no ecosistema de Erlang. Estade atentos, porque como xa dicían as nosas avoas…

Quedaches con fame? Fágoche algunha entrevista máis?

[Non son] as nosas avoas lendo este artigo — Orixinalmente de Público

--

--