N.W.A. (Nipóns With Attitude) — Straight Outta Kyoto

A Nintendo non lle importa o que ti penses (e está ben así)

Switch reafirma a aposta por explorar un camiño propio

Veña, Kimishima, dálle aí!

“Clac!”

E así, con ese aceno do sexaxenario presidente de Nintendo, botou a andar unha nova etapa do entretemento e o paso definitivo da compañía de videoxogos xaponesa nun camiño que xa só ela transita. Nintendo, como xa contamos aquí hai uns meses, ten responsabilidades que lle son propias e de ninguén máis. Así que a eses señores maiores que traballan en Quioto para levar felicidade a tanta xente pouco lles importan Sony e Microsoft e pouco lles importan as demandas dos true gamers choromicas.

Nintendo venderá Switch, un híbrido de consola doméstica e portátil, a partir do día 3 de marzo a un prezo de 329 euros. Para falarmos desta nova máquina podemos facelo como El Greco ou como Rodrigo Rato: coa man no peito ou coa man no peto.


Poñámonos prosaicos para comezar. Switch é cara, ou máis cara do que un afeccionado aos xogos desexaría. O xogador sabe que hai outras consolas (PS4 e XBox One) con tres anos de presenza no mercado e que superan en potencia bruta para procesar gráficos e son a este trebello inédito. Sabe tamén que resultan cen euros máis baratas, que teñen e terán un catálogo moito máis diverso e no que abundan as rebaixas de software. Sabe que, pola contra, os xogos de Nintendo manteñen durante anos e anos un prezo máis alto que o do azafrán. E sabe, porque se preocupou de investigalo, que a pantalla de Switch está por debaixo da definición que ofrece o smartphone do que non te separas, ese cuxa batería, por certo, tamén dura máis que a desta consola que soñas con levar a calquera viaxe.

Switch edición especial FC Barcelona

O nintendeiro, que é (que son eu) quen comprendeu (ou se convenceu) da MAXIA que hai en cada salto de Mario e no agarimo propio de artesáns que zumega dos mellores xogos da compañía, que é (volvo ser eu) quen mercou a WiiU malia que ninguén máis o fixo, sabe que non están a xogar limpo con el. Porque ve o Mario Kart 8 Deluxe de Switch e ve a mesma obra que el espremeu xa durante 200 horas na máquina vella, mais desta volta co engadido do verdadeiro Modo Batalla que lle furtaran no título orixinal. Porque ve o Splatoon 2 e non entende por que demo esas novidades non llas puideron agasallar como DLC (contido descargable) para o xogo que xa ten. Porque ao nintendeiro lle parece ruín a decisión de non facer retrocompatible a consola nova para premiar a súa fidelidade.

Tamén andarán por aí os accionistas de Nintendo laiándose de que os seus equipos de desenvolvemento desaproveitasen a oportunidade de presentar a Switch baixo o foco global co anuncio dun novo Metroid, dun novo F-Zero, dun Pokémon Switch ou de calquera das bombas de moitos megatóns que dormen en silos xaponeses agardando polo momento no que alguén prema o botón vermello para executar un ataque de dominación lúdica global. Pola contra, anunciouse que imos poder xogar este verán un título de 2011, Skyrim (por que, para que?), e un FIFA que, di Electronic Arts, non vai ser exactamente ese FIFA que é a droga favorita dos españois despois da cocaína (e nin falta que fai, engadiría).


Círculo Podemos Nintendo Switch

Todas estas críticas caen en ouvidos xordos. Nintendo non se percibe a si mesma como unha marca barata. Non ten motivos para facelo. Estánolo a dicir de maneira clara dende hai anos e non queremos escoitala, sempre desconfiando das súas decisións: da DS, da Wii, de Super Mario Run. Nada lle importa que Sony e Microsoft poidan multiplicar por cinco as súas cifras de venda de consolas. Non son a súa competencia real. Nintendo actúa nun mercado moito maior que o dos videoxogadores: compite contra Apple, contra Dreamworks, contra Kanye West e contra Messi. O defunto Satoru Iwata situou á empresa nun escenario de relevancia cultural. Alén dos autoproclamados gamers, ninguén sabe quen é Nathan Drake ou en que consiste Forza Motorsport.

Pokémon abriu telexornais durante o pasado verán. Mario presentou os Xogos Olímpicos. Ese é o nivel real de Nintendo.

Así que toca falar co corazón. Co mesmo que lle pon a empresa a todos eses títulos deostados por quen pensa que a de GTA é a única vida virtual que paga a pena vivir. Provoca tenrura ver o moito tempo que se lle dedica durante o Treehouse Live a un novo título de Bomberman ou ás parvadas de 1,2, Switch, o xogo de muxir vacas. Presentan a enésima revisión de Street Fighter II e non o actual Street Fighter V e a ninguén se lle pasa pola cabeza preguntar por que. Anuncian Super Mario Odyssey e todo está ben de novo no mundo, desaparecen as guerras, a fame e a dor.

Agora o chapeu ten vida propia. Compro.

Un señor xaponés con tacóns tamaño Tom Cruise explica polo miúdo todo canto son capaces de facer eses mandos minúsculos e cheos de sorpresas chamados Joy-Con. Estombállase nun sofá para demostrar o relaxado que pode ser o seu uso. Con iso tamén che demostra que te coñece como se te parira. De paso axuda a que matines en que se cadra non toda a alta tecnoloxía en videoxogos está no que se ve na pantalla.

Ah! Tamén ensinaron o tráiler definitivo de The Legend of Zelda: Breath Of The Wild.

DO

PUTO

ZELDA

QUE

É

TAN

ÉPICO

QUE

DAN

GANAS

DE

CHORAR.

A miña análise antes de xogalo: 10/10

-“Daquela, Manuel, a Switch que tal?”.

Pois por un lado xa ves e por outro que queres que che diga. A Super Nintendo non vai volver (ou si?) porque ti xa non tes 15 anos e non estamos en 1992. O mundo cambiou e os videoxogos fixérono con el. Case todos avanzan polo mesmo rego. Ese non é o que máis lle interesa a Shigeru Miyamoto. “O xogo en liña é unha corrente de moda e eu procuro evitar as tendencias”, explicaba nunha entrevista en 1998 o piar creativo de Nintendo. Asumírono agora, vinte anos despois, e cobrando por el.

Switch é a proba de que a innovación nesta empresa xaponesa mantén unha característica inalterable: software e hardware van sempre da man. Crean xogos novos só cando descobren novos modos de xogar.

Pedinlle a Nintendo que seguise facendo as cousas máis estrañas. Eles cumpriron mais piden un prezo que non me gusta. Sobre todo porque non teño tantos cartos como quixera. Iso, esencialmente, non di nada malo sobre a nova consola. Esixen o que pensan, con dereito, que merecen. E un rescate con Mario, Link, Samus e Kirby como reféns non vai de farol.

“Daquela?”.

Daquela deixádeme pensalo mentres aforro. Kimisihima, apagha!

“Kimishima out, bitches”