E(3) logo que?

Cadaquén fala da feira (dos videoxogos) como lle foi nela

Pasou o E3, a gran festa anual dos videoxogos, o festival de festivais no que os principais axentes desta industria do entretemento aproveitan para anunciar os títulos vindeiros e elaborar un discurso comercial sobre o futuro do medio. Pasou e quedamos como estabamos. Pasou e semella que nada pasou. Houbo berros de emoción, houbo, mais hainos todos os anos e sen xustificación ningunha. Forman parte da liturxia dun evento grotesco en tanto que é o máximo expoñente do mundo mercadotécnico que vivimos (promesas, non feitos), mais tamén defendible pola súa capacidade de estimular o devezo de miles de persoas.

Máis poder, máis cara, máis do mesmo

Que pasase o E3 sen nos estremecer é unha mala nova para Microsoft. Sobre todo para a empresa de Redmond porque presentaba unha nova consola e iso adoitaba ser abondo para axitar o sector enteiro. Mais que a Scorpio, rebautizada como Xbox One X (‘eksboxuaneks’), apenas podía pasar como novidade era xa cousa sabida e agora confirmada. A consola que atrae é aquela que permite xogar os títulos que non hai noutro lugar. Non hai un só xogo para este novo becho que non se poida reproducir en máquinas menos capaces. Non a 4K, claro; non a 60fps, talvez; mais non todo o mundo ten un iPhone e si todo o mundo ten teléfono móbil. É unha máquina para quen teña cartos para pagala pero apenas pode crear sentimento de necesidade en ninguén.

Atendede a Nintendo, por exemplo, que presentou un xogo polo que alguén podería sentir o desexo irresistible de mercar unha Nintendo Switch (cando digo alguén falo de min, pensei que estaba claro). Super Mario Odyssey parece o xogo máis trangalleiro do mundo, un amoreamento de tolemias e ideas ridículas (moais con lentes de sol; banda sonora de big band; unha Nova Iorque de persoas reais mesturadas con Mario; o fontaneiro vestido de mil maneiras imposibles; un chapeu con vida propia que funciona como búmerang con capacidade de posuír inimigos; etc.), que amosa a unha compañía coa propiedade intelectual máis importante do sector disposta a pasarse de rosca, a drogar con alucinóxenos Super Mario 64, aquel fito que transformou os videoxogos. Aí si hai algo polo que ilusionarse de verdade.

Xogo do milenio. E punto.

Diría (mais non me fagades moito caso, porque eu son moi parcial con Mario) que só pola revelación de Super Mario Odyssey pagou a pena o E3. O irónico é que para iso non era necesaria a feira. Nintendo hai anos que non celebra conferencias, ese xénero de misas para fregueses tecnolóxicos que popularizou Steve Jobs, e prefiere contar as súas novidades en vídeos enlatados. É máis barato e evítache o apuro de viaxar a California para montar unha ópera de tres reais se non tes moito que dicir. Que llo pregunten a Sony.

Disque xa despacharon 60 millóns de PS4 polo mundo adiante. Sony podería non vender unha consola máis en tres anos e xa sería a vencedora da actual xeración. Outra cousa é que teña sentido aínda falarmos de xeracións de videoxogos, algo que Nintendo abandonou con Wii para ir sempre un paso tecnolóxico por detrás, que a propia Sony quixo matizar con esa PS4 1.5 á que lle chama Pro e que Microsoft tenta abolir definitivamente co seu alacrán 2.0.

“Ser padres hoy”

Daquela, e logo de dous anos seguidos de conferencias memorables, PlayStation fixo un reprise, volveu tocar os acordes dunha canción que xa interpretara. Outra volta God Of War (menos paternidade e máis violencia, ergo mellor God Of War); outra volta o Spiderman de Insomniac (un Batman Arkham de Spiderman: suficiente); outra volta Days Gone (Uncharted do feirón con zombis e pouco carisma); e o DLC que xa non é tal de Uncharted 4 (e que parece demostrar que si, que con catro entregas abondaba).

Forza 7: 4k, 60fps, mar ovellada e refachos de 100 qm/h

Os xogos, moitos, tívoos Xbox. Aínda que iso de ter, de posuír, é discutible. Por moito que unha voz gravada dixese “EXCLUSIVE” polos altofalantes da conferencia antes de cada anuncio, case todos eses títulos se podían xogar nun PC con Windows ou ao cabo duns meses na máquina da competencia. Mais fixo o esforzo de ensinalos (Nintendo, por exemplo, fiou toda a nosa fe en Metroid 4 e Pokémon Switch a un logotipo e á palabra dun desenvolvedor xaponés, respectivamente). Ensinou Forza Motorsport 7, volveu ensinar Sea Of Thieves e, o mellor, unha morea de indies como Ashen ou Cuphead que semellan moito máis excitantes que esa burrada gráfica incrible (literalmente: ninguén pensa que se vai ver así de verdade) chamada Anthem, o Destiny de Electronic Arts. Gañoulle esa man a Sony, que antano podía presumir de marabillas como The Witness ou Firewatch, e desta volta aforrou calquera resposta sobre a pregunta que moitos facemos:

Onde cona está Jenova Chen?

Sony repetiu xogos e pasou con fastío polo E3 porque ten a PlayStation Experience, unha conferencia de seu que celebra en decembro e para a que vén reservando algúns dos seus anuncios máis potentes (nela deu a coñecer The Last Of Us Part II o pasado ano). Así que o de poñer o entusiasmo quedou en mans das grandes produtoras e distribuidoras como EA ou Bethesda. As súas presentacións serviron para confirmar que poderá desaparecer a especie humana antes de que pereza a moda dos xogos de disparos. Precisamente porque hai máis preocupación polo Call Of Duty que por Jenova Chen, o videoxogo evoluciona como un medio para facer a guerra e non para facer o amor.

Cando remataron os tiros asomou na conferencia de EA A Way Out, o novo xogo do creador de Brothers, aquela aventura na que manexabas a dous irmáns a un tempo, cada un deles cunha panca do mando nunha demostración sinxela de como unha mecánica pode representar un vencello fraternal. Agora a cousa vai de axudar a fuxir a dous homes do cárcere nunha partida obrigatoriamente cooperativa. Conseguir que sentemos a xogar de novo cunha persoa no mesmo sofá pode ser un logro mellor que o de calquera dos xogos presentados estes días (non sendo o de facer realidade o videoxogo da Xeración Xabarín, un Dragon Ball Fighter Z ao que lle pediría casamento se trouxese dobraxe ao galego).

Stendhalazo para a Xeración Xabarín

E tamén estivo Ubisoft, se cadra a que máis se aproximou ao modelo de conferencia que gusta ver no E3. Xogos, un bo feixe; un CEO pintando o caneco; e algo de discurso propio co momento fermoso de Guillemot convidando ao escenario aos seus desenvolvedores para pechar a conferencia, unha imaxe de resistencia tan gala como a dos aldeáns de Astérix fronte ao invasor romano que no caso de Ubisoft chámase Vivendi. Saeu Michel Ancel a presentar unha secuela / precuela de Beyond Good And Evil que tampouco cre ninguén (que pasou co Wild?), houbo un novo Assassin’s e viviuse o mellor momento da feira: o desenvolvedor italiano de Mario+Rabbids Kingdom Battle chorando de emoción cando Shigeru Miyamoto saíu ao escenario e o gabou polo traballo que está a facer con ese crossover entre as mascotas de Ubi e o Reino Cogomelo.

Aquelas bágoas de Davide Soliani podiamolas chorar moitos. Pasan os anos e o máis fermoso dos videoxogos segue a ser Miyamoto e Super Mario.

Todas somos Soliani