PES 2017 e os vellos amantes

Campión (outra vez) da Copa Konami no meu corazón

Manuel Álvarez Moreira
Gamer Puril
Published in
4 min readOct 10, 2016

--

A cara de Florin Andone. É o único que me desgusta do PES 2017.

Amólame esa parvada porque escacha diante meus ollos de seareiro deportivista a verosimilitude do partido de fútbol que represento no televisor co mando da PS4. É un detalle pequeno mais frustrante nun xogo que, certo é, apenas ten un feixe de xogadores representados con fidelidade, pero que este ano logrou moitas marabillas, entre elas acertar coas características básicas dos pouco populares xogadores do Deportivo da Coruña: as razas son as que corresponden; as cores de pelo, as apropiadas; as alopecias están no seu sitio. E malia que comprendo o fastío do grafista xaponés que calcou todas as tatuaxes de Neymar Jr., obrigado tamén a moldear uns polígonos con reminiscencias a Álex Bergantiños, agardaba algo máis de esforzo no retrato en píxel do dianteiro internacional romanés.

Pero deixarei de ser tan melindroso para falar xa do meu amor anovado pola serie de xogos de fútbol de Konami.

Spoiler: non sei facer nin un só dos movementos deste vídeo de Weedens

Existe un paralelismo romántico entre proclamar que xogabas todas as entregas anuais de Winning Eleven (o PES xaponés) na PS2 e oufanarse de lembrar ao Tato Abadía correr a banda en Las Gaunas. Do mesmo modo expresas o odio eterno ao fútbol moderno, así no real como no virtual. No caso dos videoxogos, as franquías deportivas que presentan novas entregas con puntualidade anual convertéronse en pozos de tempo nos que perder a vida. Con moreas de opcións e modos de xogo que ofrecen máis do que podes abranguer, queren ser o disco que non saia nunca da túa consola. Mil maneiras de competir en liña, outras tantas formas para micropagar por engadidos, as mesmas posibilidades de ser Modric que de exercer de Jorge Mendes, Miguel Torrecilla ou Florentino Pérez. FIFA ou NBA2K funcionan xa como unha rede social na que investir unha cota cotiá de tempo.

A traxectoria dos Pro Evolution Soccer é máis interesante que a dos seus competidores. Durante a primeira metade dos seus 20 anos de vida a serie Winning Eleven foi o estadio no que xogar o mellor fútbol. No salto á sétima xeración de videoconsolas, algo crebou no PES. Aquilo que faciamos coas mans no mando non era xa o deporte que se xoga cos pés. Converteuse nun xogo de fútbol calquera, unha parodia interactiva da disciplina que representaba, non na tradución fidedigna do que viamos no céspede ou no televisor. A serie FIFA de Electronic Arts, sempre exhaustiva no accesorio (licenzas de clubs, opcións, detalles gráficos, banda sonora, etc.), deulle a volta ao marcador e goberna o partido do título de fútbol máis vendido sen que ninguén lle poida xa nunca quitar o balón.

“Pásalla a Lucas Pérez, animal!” (Imaxe: Konami)

Xuro por Jon Kabira que tentei afacerme ao FIFA durante anos, mais o fútbol simulado é unha cuestión de pel. Non puiden. Resulta difícil explicarlle isto que vou contar a quen, con toda a razón, é incapaz de apreciar cunha ollada a máis mínima diferenza entre, por exemplo, o PES 2015 e o PES 2016, e entre estes con todos os precedentes. Mais quen xoga a títulos deportivos posúe un sentido do tacto moi desenvolvido. A decisión dun programador de variar en décimas de segundo o tempo de reacción dun boneco fronte ao balón, de axustar levemente a axilidade coa que o Messi virtual responde a un xiro da panca de mando de 15 graos, todas esas miudezas son ás de bolboreta batendo e provocando un tsunami que transforma a sensación do xogo por completo. E unha afortunada coincidencia de minúsculas decisións de programación arredor de Pro Evolution Soccer 2017 provocaron un estremecemento en min.

As miñas mans tocan de novo o que tocaban hai anos. O mando é diferente, a consola e os gráficos tamén, mais o tacto é o de antano, o ritmo na pulsación dos botóns funciona hoxe como daquela, as ordes e os resultados encaixan coa naturalidade de entón. Como cando o Pro Evo e nós eramos reis.

Brel tamén era máis de Pro que de Fifa

Nada lle falta a este novo mellor título de fútbol. Non lle faltan opcións de xogo en liña porque ninguén quere xogar a premer constantemente o botón de sprint, facer presión sen fatiga para roubar o balón e executar sombreiros e rabonas manexando mesmo ao lateral esquerdo do Nástic de Tarragona, que é, exactamente, punto por punto, o que a xente fai nos partidos por Internet. Non lle faltan licenzas oficiais porque as posibilidades de edición as fan prescindibles. Sóbralle (é un dicir) diversión. Ten opcións de estratexia abondas para modificar o devir dos partidos. Ten patróns de xogo coherentes e diversos nos equipos manexados pola intelixencia artificial para que cada partido sexa un reto diferente. Ten a mesma pel, responde igual ao meu tacto que hai dez anos, cando era o tempo do PES 6. Premo o botón X para xogar e bisbo “La chanson des vieux amants” de Jacques Brel:

Je t’aime encore, tu sais, je t’aime”.

Ao PES 2017 fáltalle a faciana ben feita de Florin Andone e até iso se lle pode perdoar a Konami desta volta.

--

--