Prométocho!


Ai, que pouquiño me queda!

Pero o tempo aquí flue lentamente, tanto que xa me deu tempo a botar unha ollada ao programa das candidaturas á alcaldía de Cee.

Sabedes que no momento no que un pasa a mellor vida, todo canto lle aconteceu descorre pola súa mente coma un lóstrego.

Con esta vantaxe que temos os que moramos no máis alá, un facilmente recoñece a ansia competitiva que nos leva a enganarnos a nós mesmos, prometendo unha morea de cousas imposibles de cumprir aínda que dispuxeramos de varias vidas. E imposibles de cumprir en moitas ocasións porque non está na nosa man a realización deses proxectos (son competencia doutras institucións) Mesmo no programa do Montañés, que asegura que “non promete nada que non poida cumprir”, hai abondos exemplos disto. Aínda que postos a prometer imposibles Somoza quédase so.

Sorpréndenos aquí no purgatorio que apenas se faga mención algunha nos programas electorais ao establecemento de medidas que eviten a corrupción. Ninguén fala de que hai un partido con tres imputados entre os catro primeiros. Que non se chegara a acordos con Imputados x Cee.

Fala de transparencia Plácido García, que formou parte das listas de IxCee cando as nosas orellas xa se encheran de evidencias de tratos de favor, amaño de concursos e festas en B. Ademais conta co patrocinio do Anacoreta de Caneliñas, un home máis austero que Pepe Mújica.

Honradez e transparencia promete o Montañés. Lástima que escollera o partido de Xan de Cereixo, un exemplo de transparencia e boa xestión en Neria, que levou á ruína coa inestimable axuda de don Ramón.

Serxio presume de asembleas abertas e de participación cidadá. Pero que son as Asembleas se non poden decidir? De que vale participar si o resultado é supervisado polo politburó?

O resto non falan disto. Seguramente porque pertencen a formacións que transpasaron todos os límites da indecencia e a súa marca é garantía de corrupción.

Varios candidatos incluen entre as súas propostas eliminar as asignacións aos concelleiros pola asistencia a órganos colexiados (comisións, plenos,…) É unha posición demagóxica. O Anacoreta non cobraba un soldo, nin Lamela, que aínda marchou de aquí o outro día. [Non se dá! Vaia polas ánimas!]

O importante é que os elexidos traballen polo ben común e que dediquen o tempo necesario a velar polos intereses da súa veciñanza. A percepción dunha remuneración polo tempo de traballo empregado parécelle normal a todos os mortos do cemiterio.

Para continuar analizando as diferentes propostas penso que vou ter que botar a ollada cara atrás, pero queda para outro día.

Agora vou chamar ao purgatorio de Brens, que hai tempo que non sei de Santos, non vaia ser que ande por alí.